Tuesday 14 de May de 2024

A Xunta de Galicia destina máis de 63.000 euros a diversas actuacións de protección do medio ambiente no concello de Cariño


As obras leváronse a cabo a través do Fondo de Compensación Ambiental, que permite aos concellos beneficiarse do canon eólico

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, reuniuse esta mañá coa alcaldesa de Cariño, Purificación Seixido, para analizar o resultado dos traballos realizados coa subvención destinada á mellora paisaxística e de servizos de protección do medio ambiente no municipio. O Goberno galego, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, financiou integramente estas actuacións cunha achega de 63.096 euros correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental, que permite aos concellos beneficiarse do canon eólico.

As obras levadas a cabo con estes fondos consistiron, por unha banda, na recuperación do chamado Camiño dos Mortos, unha senda que discurre pola Zona Especial de Conservación (ZEC) Costa Ártabra. Así, ao longo dos 7,5 quilómetros desta senda que se atopan dentro do termo municipal acometeuse o desbroce da traza do camiño nos puntos en peor estado de conservación e a colocación de 200 estacas de madeira de pino co fin de delimitar o percorrido e darlle unha maior visibilidade para o aproveitamento dos afeccionados ao sendeirismo e os visitantes.

Por outro lado, parte da achega económica que recibiu Cariño destinouse á ampliación da rede de abastecemento de auga no entorno do paseo marítimo da localidade e á instalación de diversos equipos de control e regulación da calidade da auga e garantía do subministro.

Once municipios das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal beneficiados
Do Campo recordou que este é o quinto ano consecutivo no que once concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal (A Capela, As Pontes, As Somozas, Cariño, Cedeira, Mañón, Monfero, Narón, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño) optan ás subvencións en réxime de concorrencia non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, ao atoparse o seu territorio municipal dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou estar afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación. Estes municipios suman 616 aeroxeradores dentro dos seus límites, mentres que sete deles dispoñen de máis de 80.000 metros de liñas de conexión. En total, recibirán algo máis dun millón de euros.

Concello Aeroxeradores Metros de liña Subvención
A Capela 11 — 15.774 euros
As Pontes 139 56.039 294.859 euros
As Somozas 87 2.851 128.322 euros
Cariño 44 — 63.096 euros
Cedeira 70 308 102.380 euros
Mañón 73 2.548 109.025 euros
Monfero 25 261 37.850 euros
Narón 6 — 8.604 euros
Ortigueira 116 17.977 196.990 euros
San Sadurniño 26 139 39.284 euros
Valdoviño 19 — 27.246 euros
TOTAL 616 83.111 1.023.427 euros

As axudas concedidas polo Goberno autonómico están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial. Precisamente, Do Campo destacou que un ano máis a Xunta autoriza aos concellos beneficiarios a dispoñer do fondo para facer fronte ao gasto corrente, algo que afecta moito aos municipios. Ademais, neste exercicio, o Fondo de Compensación Ambiental pode tamén empregarse en gastos de contratación ou mantemento de persoal.

Segundo subliñou a delegada territorial, o fondo reflicte un triplo compromiso da Xunta de Galicia, pois, explicou, “resulta unha clara mostra da implicación do Goberno galego cos concellos e co medio ambiente, pero tamén da aposta polo reequilibrio territorial”. “A distribución do canon eólico, en definitiva, beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior e suponlles, ano tras ano, unha importante fonte de ingresos nestes momentos de dificultades económicas”, concluíu.